22/2/07

O cambio climático

Como xa apuntamos en días anteriores o cambio climático afecta, e moito, aos nosos océanos e mares.

Luisa Martínez envíanos unha información sobre unha iniciativa de educación ambiental sobre o cambio climático desenvolvida pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible dirixida polo profesor de Bioloxía e Xeoloxía Francisco Sóñora que se chama Climántica.

Nela inclúen, entre outras cousas diferentes unidades didácticas sobre este tema:
(Se queimamos, quentamos - O lixo tamén quenta - Cambios no clima e cambios na auga - etc.)

Tamén dan a posibilidade de descargar un cómic e diversas imaxes divertidas.

Na primeira unidade didáctica CAMBIA O CLIMA? comentan:

Na atmosfera está a chave e o CO2 é o principal responsable

"No escaso tempo transcorrido dende a industrialización, liberáronse grandes cantidades de CO2 procedentes da combustión de carbón, petróleo e gas. Nos inicios da revolución industrial a finais dos anos 1.700, a cantidade de CO2 empezou a aumentar, acadando os valores máximos nos últimos 50 anos.

Paralelamente a este incremento do uso de combustibles fósiles nos procesos industriais, cortáronse ou incendiáronse amplas superficies de bosques para novas áreas agrícolas e gandeiras."

O aumento de temperatura da auga

"O océano tamén se quenta, aproximadamente 0,04º C por cada década. Esta é unha tendencia xeral, pero a nivel local estas tendencias son máis variables. Así na provincia de A Coruña a tendencia é menos acentuada que no Cantábrico.

Como consecuencia dese quentamento prodúcese o desxeo progresivo dos polos coa conseguinte subida do nivel do mar. Nas nosas costas o aumento deste valor, foi de entre 2 e 3 mm/ano durante a segunda metade do século XX, o que supón que subiu no último século entre 10 e 20 cm, e para o ano 2100 considérase que pode ter unha subida adicional de 9 a 88 cm. Pero este aumento do nivel do mar non só se pode atribuír ao desxeo, senón que tamén inflúe a dilatación da auga polo quentamento."

Unha web completa sobre este tema e unha iniciativa interesante.

Sobre este tema aparece unha noticia no Correo gallego

No hay comentarios.: