29/5/07

Historia dunha onda

Hai un tempo, buscando nunha libraría, atopamos un libro que nos encantou.

A protagonista é unha onda, que conta as súas aventuras e as das súas amigas.

Historia dunha onda é un libro escrito por Begoña González para primeiros lectores e as ilustracións son de Anke Baue, moi bonitas.

O libro está editado por Ellago edicións, dentro da súa colección Historias diminutas:

pequenos libros con alma para nenos e nenas que senten desexos de aprender a ler.

Por certo, esta libraría pertence ao club Kiriko, un grupo de libreiros interesados na difusión da literatura infantil e xuvenil.

Eles editaron fai agora un ano un pequeno catálogo chamado o mar de historias, no que ofrecen recomendacións literarias seleccionadas e comentadas co denominador común da súa temática: O mar na literatura infantil e xuvenil actual.

Neste pequeno catálogo comentan: "o mar na literatura é un lugar para a aventura e a calma... Estes libros tráenche o rumor do mar, o seu canto bravío, ou a brisa tranquila para que vivas e desfrutes da literatura ".

25/5/07

¿Quen é o pirata?


Aparecen estes días na prensa varias noticias sobre o espolio que presuntamente están a facer empresas especializadas dos "tesouros" ocultos no fondo do mar.

Trátase de riquezas valiosas ocultas dende hai séculos e que agora son localizables utilizando as novas tecnoloxías. De feito a Arqueoloxía mariña desenvolveuse moito estes anos e están catalogados naufraxios de barcos con tesouros en lugares como Cadiz, La Habana, as illas Cíes ou Vigo, entre moitos outros. Eran outros tempos para a navegación.

Dende hai moito tempo oímos falar da batalla de Rande, onde se afundiron decenas de Galeóns en plena ría de Vigo. Todo o mundo sabe que existe o "tesouro de Rande"

O feito é que agora esas riquezas se poden extraer do fondo do mar.

As preguntas son:

¿a quen pertencen?

¿que destino se lle pode dar?

¿quen é o pirata?